Saturday 18 de May de 2024

A fin de semana volve vir cargada de actividade en Moeche


Preséntasenos unha fin de semana que en Moeche terá unha oferta moi ampla e variada coa que encher o tempo libre. E é que, a programación ten de todo: mercado, festas en Santa Cruz, a ruta social organizada pola Escudería Moeche, teatro, deporte e, ademais, unha feira que por cadrar en domingo promete ser ben concorrida a pesar de agardarse algunha que outra chuvia. Para non perder nada e saber máis en detalle o que vai haber o sábado e mailo domingo, velaí o resume de propostas que xa se adiantaron recentemente no boletín informativo Andaina.

Empecemos pola mañá do sábado. De novo temos mercado na antiga nave dos tecidos, onde atoparemos alimentos frescos e elaborados de todo tipo -verdura, queixos, pan e empanadas, peixe, etc.- xunto con artesanía, flor e outros produtos, reunidos nun espazo moi acolledor que, ademais, tamén conta con servizo de cafetería. O Concello adoita engadirlle a este evento semanal outras actividades paralelas para facelo máis atraente. Neste caso convidou á firma de conservas Acastrexa -que acode dúas veces no mes ao mercado- para que ofreza un obradoiro de receitas moi doadas de preparar a partir de ingredientes completamente naturais.

O mercado será a antesala dun domingo de feira do 11 que converterá o recinto de San Ramón nun enxame de xente á procura de produto de temporada, roupa, tarecos… ou simplemente na busca de pasar a mañá desfrutando do ambiente dunha cita que mantén intacta a súa esencia tradicional.

Deporte por partida dobre
A fin de semana tamén nos depara dous eventos deportivos. O primeiro deles é a V Ruta Turística organizada pola Escudería Moeche. Nela hai inscritos medio cento de vehículos para participaren nunha proba de regularidade puntuable para o open de Ferrolterra. Non se trata dunha carreira, senón dun itinerario social que pasará por Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido. O que prima é manter unha marcha constante para completar o percorrido nos horarios marcados e pasando por determinados puntos de control, algo que obriga a manter unha velocidade relativamente baixa para non sufrir penalizacións.

O trazado mantense en segredo ata o comezo. O que si sabemos xa é que o primeiro vehículo participante sairá ás 16.00h. de diante do bar Sixto e que a partir de aí irán comezando a ruta a intervalos os demais coches. Tamén podemos adiantar que serán uns 105 quilómetros divididos en tres seccións con dous descansos de un cuarto de hora entre cada unha delas. As previsións apuntan a que o primeiro vehículo chegará ao último punto de control no local social de Bardaos -onde terá lugar a cea- a iso das 20.00h. e estímase que a derradeira parella de participantes completará a volta pola comarca unha hora despois, aproximadamente.

A segunda grande cita co deporte chéganos da man do Club de Tenis e Pádel de Abade, que organiza en colaboración co Concello o II Open de Tenis de Moeche para categorías individuais benxamín, alevín, infantil, cadete e absoluto nivel 2, ademais de dobres sub 13 e absoluto.

A competición comezou o pasado 27 de outubro e o sábado durante todo o día e mailo domingo pola mañá xogaranse no pavillón municipal as roldas finais. A entrega de trofeos está posta para o propio domingo a partir das 14.00h. Neste torneo aberto participan 48 tenistas de dentro e fóra de Moeche.

Santa Cruz honra a San Martiño
O apartado festeiro da fin de semana está cuberto pola parroquia de Santa Cruz, onde lle renden homenaxe ao San Martiño o sábado e mailo domingo. Fano con música e tamén cun xantar popular o sábado a base de churrasco, cachelos, chourizo, ensalada, pan, bebida, café e sobremesa. O último día para apuntarse no xantar foi o luns. Porén, se a alguén se lle pasou reservar pode probar sorte a ver se aínda queda sitio. Ten que chamar ao 650 106 273.

O primeiro día da festa actuará o Dúo Amatista na sesión vermú e na verbena da noite. Este mesmo grupo repetirá tamén o domingo animando unha “función” a partir das 14.00h. coa que se lle porá fin á troula.

Risas aseguradas o sábado pola tarde en Abade con Pedro Brandariz e Lucía Veiga
A última recomendación para esta intensa fin de semana en Moeche lévanos ata o Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, onde o sábado a partir das 19.30h. se representa a obra “Eu queríame Casare”.

Trátase dunha comedia interpretada por Pedro Brandariz e Lucía Veiga que relata a historia de dous “auténticos perdedores” que buscan a súa última oportunidade no amor. A peza está escrita polo prolífico José Prieto e chega a Moeche dentro da programación financiada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

As entradas son a 2€. Poden mercarse no centro cultural ata media hora antes do comezo da función ou ben retiralas no Concello en horario de 8.30h. a 14.00h.